Desta maneira, a totalidade dos sectores agrogandeiros, en maior ou menor grao, están á mercé do poder abusivo de grandes industrias e cadeas de distribución, que obrigan aos labregos e labregas a producir alimentos a prezos de miseria, arruinando miles de familias para engrosar aínda máis as súas milmillonarias contas de beneficios. Sectores como o lácteo, o vacún para carne, o hortícola,o cunícola ou o porcino están a sufrir nos últimos anos un auténtico latrocinio empresarial con prezos que non cobren os custes de produción grazas á complicidade e colaboración necesarias dos diversos gobernos.
Lonxe de recuar neste asoballamento da clase labrega, os acordos de libre comercio como o TTIP poden empeorar aínda máis a situación, abrindo o escenario a un modelo alimentario como o estadounidense que ameaza con arrasar boa parte das producións agrogandeiras europeas e a nosa soberanía alimentaria.
Ademais, as persoas que vivimos no medio rural temos moitos motivos para indignarnos, pois os recortes que está a sufrir toda a cidadanía en dereitos esencias como a sanidade, o ensino ou a especial atención aos sectores sociais máis vulnerables, teñen maior virulencia no campo.
Por iso volveremos mañá ás rúas da man das Marchas da Dignidade. Desta vez a Lugo para construír unha #MuralladeDignidade.
PAN, TRABALLO, TEITO, DIGNIDADE e TERRA!