Galiza representa o 37,8% da produción leiteira do Estado. O peso do sector lácteo galego respecto ao estatal increméntase normalmente todos os anos nos meses de verán e baixa no inverno. Respecto ao mes de febreiro do ano pasado, incrementouse un 7,89% a produción (+15 millóns de litros), Castela León incrementou máis dun 10%, Andalucía máis dun 13% (+5 millóns de litros).
No ano 2015 pecharon 474 granxas en Galiza, 93 en Asturias, 10 en Andalucía. Segundo a Consellaría, a maioría das granxas desapareceron nos tramos de cota ata 300.000 kg e incrementáronse algo as de máis de 700.000 kg.
Comparada coas rexións europeas, Galiza é unha das rexións nas que o prezo do leite está máis baixo. Se se fai a comparación cun tipo de leite que teña as mesmas características de graxa e proteína, estaría na media. As calidades medias en Holanda son dun 4,51 de graxa e 3,5 de proteína, por exemplo, e en Galiza de 3,84 e de 3,24.
Tramos de prezo en Galiza e número de granxas:
A distribución informou dunha guerra entre as industrias para ofertarlles bricks de leite a baixo prezo, con rebaixas de 2 e 3 céntimos e tamén de que están a constatar como se comeza novamente a utilizar o leite como produto reclamo, o que podería volver a colocarnos na mesma situación que en setembro.
Na evolución da variable prezos en relación cos custos de produción, constátase que en diferentes momentos as persoas produtoras non teñen marxe ningunha, por exemplo de abril a novembro de 2015. Os custos de produción ultimamente tiveron unha evolución de contención e mesmo á baixa, seguindo a caída de prezo do petróleo. Realmente, todos os modelos de estudo indicaban unha evolución dos combustibles á alza e o feito de que estivesen baixos foi un alivio para as granxas.
Na Interprofesional Láctea (Inlac) estase falando das posibilidades indicadas por Bruxelas para baixar a produción. En principio, os mecanismos que se están valorando serían para incentivar a baixada de produción e non para a retirada de produción. O representante da industria dixo que pensa que a Inlac non ten medios económicos nin posibilidade de facer Extensión de Norma para esta fin, e por parte da Administración tampouco se sabe que estean a traballar para comprometer recursos económicos para esta medida.
Aplicaríase só a aqueles primeiros compradores que non sexan transformadores. Esixiríase unha cantidade mínima de volume, que nun primeiro momento sería de 5.000 toneladas para ao final dun período chegar a 10.000 toneladas. Este primeiro límite afectaría a un primeiro comprador, que está empezando a operar. Preguntan se o límite debe ser superior, por exemplo 25.000 toneladas.
Deron conta dalgunhas actuacións de promoción que fixeron coa Marca Galega 100% (clubs de fútbol, baloncesto, concellos adheridos…). Na promoción falouse de indicar os valores que ten o leite para a saúde, algúns destes valores perderíanse no leite UHT e suscitouse un debate de como facer do mellor xeito as promocións. Tamén se falou de traballar a nivel de restauración para incentivar diferentes usos dos queixos galegos e dos produtos lácteos. Informaron moi brevemente do programa de leite escolar, que este ano contaría con unha axuda de 90 céntimos por kg de leite.
Os obxectivos das Organizacións de Produtores (OPs) na lexislación serían concentrar a oferta, garantir a planificación e xestión de volumes, optimizar os custos de produción, negociar e conseguir a estabilización de prezos…
A nivel galego hai dúas OPs: Ulega (2.193 persoas gandeiras e o 23% da produción) e Aprolact (1.288 persoas gandeiras e o 14% da produción). Segundo a lexislación, teñen que informar se fan algunha negociación coa industria; Aprolact non fixo ningunha comunicación e Ulega comunicou varios encontros, pero en ningún caso puideron negociar prezo.
As esixencias para constituír unha OP son 200.000 toneladas e, a nivel galego, un mínimo de 1.000 persoas produtoras. A conselleira preguntou sobre a conveniencia de facilitar que se podan facer cun número menor e de vincular as axudas a que o leite sexa efectivamente negociado por unha OP, apoios a industriais que traballen con este tipo de negociación, etc.
A Consellaría está valorando o feito de que non poda haber renuncia por parte das persoas produtoras a unha duración inferior a 1 ano, porque se ve claramente que os contratos son maioritariamente a 3 e 6 meses e non serven para darlle estabilidade ao sector.
A Conselleira informou de que había 155 millóns de euros de investimento no sector, algúns con axudas da Consellería de Industria, 14 millóns de euros de Medio Rural…
Esta é a segunda xuntanza do Plano de Fortalecemento do Sector Lácteo. Non hai unha diferenciación do que deberían ser medidas urxentes para o sector e un foro que debe reunirse de xeito frecuente con todos membros da cadea para buscar medidas inmediatas, e outra dinámica de traballo xa a medio prazo no que xa se vaian deseñando medidas e actuacións concretas para o futuro. Ningunha concreción.