Condenamos enerxicamente a política da Unión Europea e dos gobernos comunitarios, ratificada polas medidas tomadas neste último Consello Ministerial en Bruxelas que, en troques de asumir as súas responsabilidades internacionais cos dereitos humanos e a xustiza global, responderon con máis barreiras, represión e manipulación mediática, condenando aos e ás inmigrantes a sufrimentos, vexacións e mortes, co único propósito de defender o seu poder e os seus beneficios por riba de toda humanidade. A sinatura de tratados con terceiros países para intercambiar diñeiro e beneficios por seres humanos, sitúanos ante extremos de indignidade e criminalidade institucional que non poden deixarnos na inacción.
Como labregos e labregas de Europa, avergoñámonos dos políticos e das políticas que nos representan e comprometémonos a denunciar e mobilizarnos en contra desta barbarie. Porque as loitas e os intereses dos refuxiados e inmigrantes son as nosas loitas e os nosos intereses. Os mesmos poderes políticos e económicos que pretenden acabar co campesiñado, o medio ambiente, a soberanía alimentaria e a política dos pobos en todo o planeta, son os que causaron as guerras, o empobrecemento das economías locais, o cambio climático e as violacións constantes dos dereitos humanos en todo o mundo.
Por todo iso, a ECVC comprométese loitar pola liberdade de circulación, pola garantía de vías seguras para as persoas refuxiadas e pola defensa da vida e os dereitos básicos de todos e todas as migrantes.
Por unha Europa democrática, polo respecto aos dereitos humanos e á soberanía alimentaria. Chamamos aos labregos e ás labregas e a toda a sociedade europea a saír á rúa e defender a paz contra a guerra, a solidariedade contra a represión e a dignidade contra o saqueo.