Nenas e nenos durmindo na lama, mozas parindo en condicións infrahumanas, ducias de miles de persoas vivindo máis como prisioneiros en campos de concentración que como refuxiados de guerra que son, contando case en exclusiva coa única axuda do voluntariado mentres a case totalidade de Europa deixa co problema tan maltratado pobo grego.
Por outra parte, a migración económica vén provocada por procesos de descolonización inconclusos, xa que aínda que as antigas colonias se independizasen e teñan fronteiras físicas, segue a haber colonización económica de capitais e incluso militar, moitas veces vendida falsamente como cooperación.
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar o noso apoio ás concentracións en solidariedade coas persoas refuxiadas que se levarán a cabo, hoxe 16 de marzo, nas principais vilas galegas. Ademais, o SLG fai un chamamento para que se apoien estas e outras mobilizacións destinadas a chamar a atención de institucións, gobernos e sociedade, para que abandonen o racismo e xenofobia actuais. No seu lugar, o SLG reclama políticas de respecto aos dereitos humanos e de acollemento digno das persoas mentres non se impulsen medidas de cooperación que supoñan a descolonización real dos países colonizados en todos os aspectos, e para que os e as habitantes de zonas con migracións masivas poidan optar a unha vida normalizada nos seus propios países.