Actualmente, están a chegar as primeiras cartas notificando as revisións e regularizacións dos bens inmobles. Tal e como ten denunciado o Sindicato Labrego Galego, as revisións que se están a facer de fincas e edificacións son sempre á alza, outorgándoselles valores desproporcionados a construcións como instalacións agrarias. Isto implica que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) tamén se lles incrementará ás familias afectadas, e iso sen contar coas taxas extraordinarias de 60 euros por cada inmoble que non tivesen declarado.
O caso concreto de Xermade vese agravado porque este é un concello no que máis IBI se paga. Isto débese a que a ponencia na que se basea esta taxa é de 2006, ano no que nos atopabamos en plena burbulla inmobiliaria co mercado inmobiliario polas nubes, de maneira que os valores dos inmobles nos que se basea o IBI de Xermade xa estaban moi por riba dos valores reais antes da regularización catastral.
Por se non abondase, a ordenanza municipal do IBI en Xermade ten sufrido numerosas modificacións para incrementar a presión fiscal, de maneira que hoxe en día o gravame é do 0’40% no IBI urbano e 0’36% no rústico.
Ademais, por se non abondase, as únicas bonificacións deste imposto que contempla o consistorio son do 80%, 40% e 20% en fincas rústicas de núcleo rural que non teñan construcións; e as que poden solicitar as familias numerosas. Porén, o concello non ten aprobadas outras bonificacións que poderían paliar en grande medida o impacto deste imposto, especialmente naquelas familias que están a sufrir a crise xeneralizada que viven os sectores agrogandeiros, cunha caída continuada nos prezos do leite e da carne de vacún, por poñer dous exemplos, que implican a caída nos ingresos e aumento das débedas de centos de familias xermadesas. Sen ir máis lonxe, a lei permite bonificacións de até o 90% “asentamentos de poboación singularizados pola súa vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas e que dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio”. Nin que dicir ten que boa parte do rural xermadés, que segundo o Instituto Galego de Estatística contaba con 228 granxas de vacún e 4.852 vacas en 2014, cumpre este requisito para a rebaixa do IBI.
Outras bonificacións poden chegar ao 95% en “inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese o utilidade municipal”, do 90% a titulares de familias numerosas, ou de até o 50% en inmobles nos que se instalasen sistemas para a obtención de enerxía solar.
Por iso, dende o SLG informámoslle ao concello de Xermade que ten nas súas mans a oportunidade de apoiar activamente as familias labregas que están padecendo o peor da crise con medidas activas como bonificarlles o 90% do IBI.