A ECVC compartiu co comisario a súa preocupación pola alarmante situación do sector lácteo, que está a pasar graves dificultades. Entre 1984 e 2011, Europa perdeu o 80 % dos seus produtores e produtoras de leite. En 15 anos, o tamaño das explotacións europeas duplicouse. Para a ECVC, non se pode aceptar que o axuste da produción se faga a costa de eliminar miles de produtores e produtoras de leite.
Para poñer fin á crise a curto prazo, a ECVC esixiu diante da Comisión Europea a necesidade de aumentar o prezo de intervención pública condicionado por unha redución obrigatoria do leite producido en toda Europa, especialmente naqueles países que máis incrementaron a súa produción. A longo prazo, a ECVC presentou o seu modelo para impedir futuras crises: mellorar a eficacia do Observatorio de Prezos Europeo e instaurar un túnel de prezos para protexer aos produtores e produtoras de leite.
O Observatorio de Prezos debe converterse nun sistema de alerta e de prevención de crises calculando os custes de produción dos estados membros, fixando un prezo de equilibrio e permitindo a transparencia da fabricación e a valorización do leite nas industrias.
Ademais, un túnel de prezos permitiría garantir un valor sobre un volume por activo. A idea é basear o túnel en volumes do mercado interior e non nas exportacións -ou sexa 90% da produción- e fixar o prezo mínimo do túnel sobre o custe de produción medio en Europa. Os mecanismos complementarios de apoio deberían estar asegurados para zonas desfavorecidas.
A ECVC tamén defendeu a creación dun fondo de seguro a activar en caso de crise, centrado nun mecanismo de redución obrigatoria da produción para soster os prezos. Cando os indicadores de prevención de crise activasen o sistema de alerta do Observatorio, activaríase un mecanismo de redución obrigatoria de volumes. Esta obriga aplicaríase de xeito diferenciado con respecto a volumes producidos por explotación. Os produtores e produtoras con volumes grandes e os que aumentaron máis durante un período de referencia, deberían contribuír máis ao esforzo de redución con respecto ás pequenas e medianas granxas.
A Comisión Europea foi receptiva a estas propostas da ECVC para evitar crises. A Comisión, pola súa banda, recoñece a existencia crise, pero non ten medidas para resolvela, de maneira que pediu aos 28 estados membros que envíen as súas propostas para tomar decisións en común.
Para a ECVC, a Comisión Europea agáchase tralo seu orzamento, defendendo que os gandeiros e gandeiras deben ser conscientes da súa sorte ao ser apoiados por Europa a través dos fondos específicos para a Política Agrícola Común. No entanto, constatamos que o orzamento da PAC non responde á volatilidade dos prezos sufrida polas granxas leiteiras. Cómpren instrumentos de regulación de mercado para afrontar esta crise.
Diante do cambio climático, a ECVC fixo fincapé na necesidade dunha política de transición para guiar as granxas cara a modelos sostibles, máis autónomas en proteínas e utilizando pastos. A política actualmente impulsada pola Unión Europea destrúe este modelo de granxa de tamaño humanizado. Non se debe producir máis, pero si de xeito distinto, para manter granxas gandeiras distribuídas por toda Europa para satisfacer aos consumidores e consumidoras con alimentos suficientes e de calidade.