Este feito agrávase porque moitas das persoas propietarias, ao duplicárselle o imposto, superan a contía estipulada para ter dereito á exención da taxa, de maneira que poderían perder esa gratificación. Isto acontece xusto nun concello que ten un tipo impositivo do IBI dos máis altos da bisbarra (o 0’74%, cando a lei permite cobrar entre o 0’3 e o 0’9%) e coincidindo cun proceso de revisións catastrais que disparou o que se lle está a cobrar ás familias de Cospeito neste concepto ao incrementarse o valor catastral dos seus bens e multiplicarse o número destes susceptibles de aplicárselle o imposto.
Dende o Sindicato Labrego Galego estamos agardando dende xullo unha xuntanza con persoal municipal para tratar a problemática do xa coñecido como “catastrazo”, polo que agora elevamos unha nova petición para falarmos desta nova chapuza vén engadirse aos serios problemas económicos de moitas familias gandeiras que o están a pasar francamente mal debido á situación crítica pola que atravesan sectores como o lácteo ou o vacún de carne pola caída dos prezos. Ademais, mentres non se solucione este problema, esiximos que o Concello de Cospeito se poña en contacto coa Deputación de Lugo para que paralice o cobro dos impostos duplicados até que non se emitan os novos recibos corrixidos. Mentres agardamos a reacción do Concello, dende o Sindicato Labrego Galego ofrecemos asesoramento ás persoas afectadas, tanto por esta duplicación de impostos como polas revisións catastrais, nas nosas oficinas da rúa do Cuartel nº 1, en Vilalba.