Como xa informamos no Fouce 308 (pax. 20), o glifosato vén de entrar na lista de herbicidas canceríxenos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Este agroquímico é un composto que aparece en moitas marcas comerciais de herbicidas que se están a usar de forma bastante común en lugares públicos para realizar tarefas de mantemento, limpeza de malas herbas e prevención de incendios. Tralo seu uso, tense detectado glifosato no aire, na chuvia e mesmo nos nosos corpos, pois é unha substancia moi soluble en auga e persistente no chan. O glifosato contamina os acuíferos, é tóxico para a fauna acuática, os animais domésticos ou o gando, e esparéxese sen control polo subsolo.
Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Entre os efectos adversos deste principio activo describíronse toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas e cancro.
Tes máis información no seguinte ENLACE.
