Precisamente, foi a mediados de maio cando o Sindicato Labrego Galego denunciaba que centos de hectáreas de monte dedicadas a usos gandeiros podían quedar fóra das axudas da PAC polos criterios aplicados para clasificar os terreos como forestais ou no coeficiente de admisibilidade para o resto de terreos, criterios que fan referencia á densidade de arborado, superficie ocupada por especies herbáceas e altura da vexetación. Así, nas axudas da PAC quedaban excluídos aqueles terreos con máis de 100 árbores por hectárea ou con menos do 50% da súa superficie ocupada por vexetación herbácea. Estes baremos son un claro exemplo do descoñecemento absoluto da gandería galega por parte de quen deseña as axudas da PAC, e da figura dos montes veciñais en mancomún, pois no noso país hai moita superficie de monte adicada a usos silvopastorís que combinan a presenza de arborado cun aproveitamento gandeiro que, en moitos casos, se fai de xeito comunitario. Este tipo de explotación, ademais de ser un uso tradicional, permite un aproveitamento integral do terreo e contribúe de maneira eficiente na loita contra os incendios forestais.
A raíz de todo isto, o Sindicato Labrego Galego mantivo contactos coa Consellería de Medio Rural e co Ministerio de Agricultura, a través dos fondos galego e español de Garantía Agraria (FOGGA e FEGA), para intentar buscarlle unha saída a esta problemática. Tamén asesoramos comunidades de montes da Terra Chá onde están moi estendidos os usos silvopastorís do monte ás que, sen embargo, non se lles recoñecía o 70% da superficie que dedicaban para alimentar o gando. Estas comunidades de montes, encabezadas pola de Labrada (Abadín), lograron manter unha xuntanza na Consellaría de Medio Rural co subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), Jose Ángel Burgo Rodil, o pasado 1 de xuño en Compostela. Grazas a este encontro, as comunidades de montes conseguiron que lles revisasen a superficie que podían declarar como de uso gandeiro, de maneira que se lles recoñeceu un 40% máis da que lles admitían en principio. Así, de 962 hectáreas repartidas en 63 parcelas que ficaban excluídas das axudas da PAC nun primeiro momento, lograron recuperar 650 hectáreas.
A pesares da boa nova que supuxo para estas comunidades de montes da Terra Chá o recoñecemento de boa parte da superficie que dedican a pastoreo, dende o Sindicato Labrego Galego lembramos que o problema segue vixente, de maneira que seguimos padecendo uns criterios de aplicación da PAC que non teñen en conta a realidade do noso país, polo que segue aberta unha loita para tentar mudalos tanto a nivel da Unión Europea, como do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural.