Así, nas axudas da PAC quedan excluídos aqueles terreos con máis de 100 árbores por hectárea ou con menos do 50% da súa superficie ocupada por vexetación herbácea. Estes baremos son un claro exemplo do descoñecemento absoluto da gandería galega por parte de quen deseña as axudas da PAC, e da figura dos montes veciñais en mancomún, pois no noso país hai moita superficie de monte adicada a usos silvopastorís que combinan a presenza de arborado cun aproveitamento gandeiro que, en moitos casos, se fai de xeito comunitario. Este tipo de explotación, ademais de ser un uso tradicional, permite un aproveitamento integral do terreo e contribúe de maneira eficiente na loita contra os incendios forestais, poñendo en valor o rural galego.
Por desgraza, moitas destas explotacións gandeiras que teñen neste modelo o seu sustento, poden sufrir unha perda importante de ingresos pola aplicación duns criterios alleos ao noso territorio.
Dende o Sindicato Labrego Galego, xa iniciamos contactos coa Consellería do Medio Rural e co Ministerio de Agricultura, a través dos fondos galego e español de garantía agraria (FOGGA e FEGA), para intentar buscarlle unha saída a esta problemática.