Novas

  • 85 socios e socias de La Arzuana poden perder o dereito a cobrar 700.000 euros que lles debe a cooperativa

    85 socios e socias de La Arzuana poden perder o dereito a cobrar 700.000 euros que lles debe a cooperativa

    • 25,Abr 2015
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    En total, os socios e socias de La Arzuana reclaman 743.512 euros por entregas de leite sen cobrar da cooperativa. O problema é que a única débeda contraida que lles recoñece a proposta de informe no concurso de acredores que se está a tramitar ascende a 43.853 euros. 

    A orixe deste engano do que se senten vítimas os gandeiros e gandeiras remóntase a setembro de 2014, cando nunha asemblea de socios e socias celebrada para tratar as dificultades polas que atravesaba a empresa, a xunta reitora, encabezada polo seu presidente, Eugenio Montero, e os asesores que trouxo,  convencéronos de que a única vía para cobrar os cartos que se lles debía era que convertesen a súa débeda en capital social da cooperativa, algo semellante a mercar participacións da empresa para sanear a súa contabilidade e tentar reflotala. A xunta reitora convenceunos de que, se non obraban así, a cooperativa desaparecería e, con ela, toda posibilidade de cobro. O resultado disto é que tal acordo implica que non se lle recoñece como crédito as facturas de leite dos meses de xullo, agosto e parte de setembro de 2014, é dicir, a maior parte da débeda da cooperativa coas explotacións socias produtoras.

    Ao final, La Arzuana acabou crebando e os socios e socias que capitalizaron a súa débeda perderon o dereito a cobrar os case 700.000 euros capitalizados. En total, están afectadas 85 persoas físicas ou xurídicas socias. Delas, 62 capitalizaron o total do que se lles debía, que ascende a 562.490 euros; e as 23 restantes capitalizaron a maior parte da súa débeda, que ascende a 137.168. Son unicamente estas 23 as que teñen dereito a cobrar os 43.853 euros dos que falabamos ao comezo.

    Os únicos beneficiados deste engano serán o resto de acredores, pois en caso de que a cooperativa teña liquidez para saldar débeda, non terán que repartir o cobro cos socios e socias que caeron no proceso de capitalización.

    Cómpre non esquecer que a crítica situación pola que están a atravesar as granxas socias de La Arzuana prodúcese nun contexto ao que hai que sumar a difícil conxuntura no sector, con prezos no leite por baixo dos 27 céntimos que non dan nin para cubrir os custes da actividade.

    Dende o SLG, responsabilizamos tanto á Xunta Reitora da Cooperativa como á Consellaría de Medio Rural. Medio Rural e a Xunta de Galicia son culpables por acción, ao promover por motivos políticos a constitución de Alimentos Lácteos para xestionar a factoría de Leite Pascual en Outeiro de Rei, con cooperativas como La Arzuana, un negocio que remataría por arruinalas a todas; e tamén é culpable por omisión, pois a pesares de ser a ideóloga dunha cacicada que lle custou varios millóns de euros ao erario público, non fixo nada por paliar a situación terminal na que deixaron a un milleiro de explotacións lácteas e a varias cooperativas gandeiras. En canto á xunta reitora e ao seu presidente, Eugenio Montero, son culpables por enganar aos socios e socias por cuxos intereses debían velar.

    Se a actual conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, ten a decencia que non tivo o seu predecesor no cargo, Samuel Juárez, debería emprender accións extraordinarias para paliar a situación terminal que están a sufrir as granxas socias de La Arzuana da que, como xa dixemos, son responsables tanto a Consellaría que ela dirixe como a xunta reitora da cooperativa.