O principal motivo da rolda de prensa foi anunciar, por parte das tres organizacións agrarias, a presentación dunha denuncia conxunta, diante do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, solicitado a nulidade de tódolos contratos asinados no sector lácteo en Galiza por incumprir a legalidade. As ilegalidades da industria á hora de asinar contratos son tres:
En palabras de Isabel Vilalba: “Pedimos que se considere a ilegalidade dos contratos que foron asinados até agora. No sector lácteo hai unha guerra na que os gandeiros e as gandeiras somos reféns: o Ministerio de Agricultura impuxo un marco de contratos obrigatorios a un ano que non foi aceptado pola industria, a cal nos está a impor unilateralmente aos produtores e produtoras as peores condicións posibles e prezos á baixa, ou fixando calidades sen respectar os estándares do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) para baixar aínda máis eses prezos. En definitiva, os contratos son unha arma que se está a utilizar contra nós, gandeiros e gandeiras, ao impoñernos condicións ruinosas. Por iso, dende as tres organizacións agrarias fixemos un chamamento á Consellaría de Medio Rural e ao Goberno Galego para que arbitren esta crise e recúen da inaceptable postura da conselleira que afirmou non poder actuar nesta cuestión”.
Respecto a posibles mobilizacións, en primeiro lugar comezarase, a partir da semana que vén, a realizar xuntanzas coas corporacións municipais das principais comarcas leiteiras para que dean o seu apoio expreso aos gandeiros e gandeiras do sector lácteo e para que nos apoien na nosa demanda de forzar a arbitraxe da administración na crise. Tamén se fará outro tanto coas cooperativas e outros colectivos e institucións ligados ao sector lácteo. “Se tras esta vía de diálogo as industrias seguen sen escoitarnos”, sinalou a secretaria xeral do SLG, “o sector está disposto a emprender accións máis contundentes. Con prezos de vinte e poucos céntimos, non hai explotación que aguante a medio prazo, polo que utilizaremos tódalas ferramentas que teñamos na nosa man para impedir isto”. Cando preguntaron os xornalistas respecto da posibilidade de materializar as mobilizacións nunha posible folga de entregas, Isabel Vilalba dixo que se trata “dunha opción moi dura para os gandeiros e gandeiras: se xa é difícil non chegar a fin de mes polos baixos prezos, ter que tirar o teu produto e deixar de ingresar o pouco que gañas é a aínda máis traumático. Pero, antes de pechar a explotación por ruína, estamos dispostos e dispostas a considerar esta opción. En calquera caso, será algo que terán que decidir os gandeiros e gandeiras, e precisará dun apoio maioritario do sector produtor”.