Tras un ano de inoperancia das entidades devanditas ante as que se denunciaron as prospeccións, o Sindicato Labrego Galego vén de dar o paso de denunciar os feitos diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en Compostela, tal e como xa adiantamos. No escrito presentado, pedíuselle ao ministerio fiscal que lle requira á Consellaría de Medio Ambiente, á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e ao Concello de Oroso toda a documentación que teñan en relación a este caso. Ademais, tamén se lle pediu que inste á empresa Erimsa a demostrar “que as obras extractivas realizadas se fixeron baixo o oportuno amparo de licencia, urbanística e sectorial mineira” e abra o correspondente expediente de investigación.
Antecedentes
No mes de maio de 2013, varios xornais publicaban unha información que revelaba que Erimsa estaba a tomar mostras de cuarzo nas proximidades de Porto Avieira (Oroso) para ver se lle interesaba facer unha explotación industrial do mesmo. Sen embargo, a pesares de que a solicitude de permiso para investigación estivo en exposición pública en febreiro e marzo dese ano, daquela non houbera aínda resolución administrativa; tamén o alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, negou publicamente que se lle concedese ningunha licencia a esta empresa para tal fin, xa que a única licenza expedida polo consistorio foi para realizar un movemento de terras á dona da finca, como despois se soubo, pero non a unha empresa mineira para facer prospeccións. Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que Erimsa carecía de permisos legais para facer estes estudios e extraccións hai un ano, polo que podería ter incorrido nunha actividade ilegal ao tomar mostras minerais, presunto delito que aínda non prescribiu.
Case 1.000 hectáreas afectadas en Oroso, O Pino e Compostela
As extraccións feitas en Oroso están dentro do permiso de investigación Calvente, que afecta a case 1.000 hectáreas, boa parte delas catalogadas como solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, onde non é posible a actividade mineira sen autorización previa. Ademais da concesión Calvente, Erimsa solicitou outros catro permisos de investigación noutras catro concesións mineiras nas comarcas de Compostela e Ordes: Andrea 7.137, Lamoso 7.135, Xanceda 76.138 e Marís, que sumadas a Calvente, abranguen unhas 8.000 hectáreas. En concreto, a concesión Calvente ten 32 cuadrículas nos concellos de Oroso, O Pino e Santiago; Andrea ten 87 nos termos municipais de Oroso, Ordes, Frades e Mesía; Lamoso, 9 en Ordes e Oroso; e Marís, 102 en Mesía e Frades do mesmo xeito que Xanceda, que ten 28 nestes dous últimos concellos. Tódolos permisos son para investigar a presenza de cuarzo e minerais afíns para a industria da cerámica e do vidro.
Unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira.