Novas

  • O Sindicato Labrego Galego celebra o novo pau do Parlamento Europeo á Lei de Sementes da Comisión

    O Sindicato Labrego Galego celebra o novo pau do Parlamento Europeo á Lei de Sementes da Comisión

    • 13,Mar 2014
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para as organizacións que, coma o SLG, integramos a Coordinadora Europea da Vía Campesina, trátase dunha boa nova que é resultado do forte rexeitamento social que está a provocar esta tentativa da Comisión Europea de servirlle en bandexa o patrimonio xenético vexetal dos pobos de Europa ás multinacionais do sector; sempre a costa de roubarlle aos labregos e labregas o dereito a cultivar, vender e intercambiar as súas propias sementes.

    Cómpre lembrar que a proposta da Comisión Europea forma parte dun paquete de medidas para reforzar a aplicación das normas de saúde e seguridade no conxunto da cadea agroalimentaria. Mais por debaixo desta suposta intención, agáchase a privatización do control público das sementes e a imposición de barreiras para a produción artesanal e a pequena escala, tal e como temos denunciado a Coordinadora Europea da Vía Campesina, o Sindicato Labrego Galego ou a Rede Galega de Sementes.

    Aínda que este rexeitamento do Parlamento Europeo é unha boa nova, cómpre seguir exercendo presión en Bruxelas, xa que a Comisión non aceptou retirar a súa proposta, polo que agora esta irá ao Consello de Ministros e Ministras da UE; se este rexeita tamén a proposta, entón o proceso ficará pechado, pero se non o fai e modifica o texto inicial, entón terá que ser sometida de novo ao voto parlamentario ou entrar nun proceso de negociacións até chegar a un acordo.