Até aquí a teoría que, sobre o papel, queda ben. Mais na práctica, estas axudas foron algo moi distinto ao prometido no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. Para empezar, moi poucas explotacións tiveron acceso a esta liña de créditos porque as entidades bancarias colaboradoras puxeron unha morea de atrancos á hora de concedelos. A día de hoxe, as poucas explotacións beneficiarias, ingresaron a parte que lle correspondía ao Igape, aínda que con atrasos e con algún abono pendente; mentres que o Ministerio de Agricultura non deu nin un céntimo das axudas ofertadas e aprobadas. No mellor dos casos, as explotacións que lograron o crédito acabaron pagando un 3’3% de xuros por mor da morosidade do Ministerio de Agricultura.
Para o Sindicato Labrego Galego, estamos diante doutra mostra do desinterese do Ministerio de Agricultura á hora de apoiar ás explotacións gandeiras galegas. Resulta vergoñento que a mesma institución que deseña e pon en marcha unha liña de axudas non atenda os seus compromisos e deixe tirados, unha vez máis, aos sectores gandeiros do noso país que, como ben sabemos e sabe o propio Magrama, teñen a súa máxima debilidade na perda crecente de ingresos por mor do aumento dos custes de produción da súa profesión. Por iso, o impago das axudas concedidas supón un suma e segue na caída da rendibilidade da actividade gandeira na Galiza do que o Ministerio de Agricultura é, nesta ocasión, responsable directo. Tamén, xa que logo, o Ministerio de Agricultura é o único que pode resolver o entorto creado por el mesmo dun único xeito: pagando o que debe o antes posible.