Para o SLG, este plano sectorial é un auténtico atentado contra todos os sectores agrogandeiros e forestais do país, pois contempla que a minería e as actividades extractivas teñan preferencia sobre calquera outro uso do territorio. Así, este plano sectorial converte en papel mollado os usos do solo contemplados nos plans xerais de ordenación municipal, nos que se teñen investido moitos millóns de euros nos últimos anos para adaptalos á Lei do Solo; e deixa sen valor as zonas de especial protección como a terra para usos agropecuarios, os núcleos de poboación ou os espazos protexidos polo seu alto valor medioambiental. Co novo plano, dará igual que nun territorio haxa casas habitadas, praderías das que dependen explotacións gandeiras, leiras cultivadas, montes forestados ou ecosistemas singulares: prevalecerá o lucro das empresas privadas que queiran destruír todo iso para extraer minerais que, en moitas ocasións, non teñen máis utilidade que encher as súas contas bancarias.
Como organización agraria, ao SLG preocúpalle especialmente que as actividades mineiras entren en colisión con comarcas enteiras que teñen a súa principal fonte de riqueza nos traballos agrarios e gandeiros. Agora mesmo, hai serias ameazas con proxectos mineiros en bisbarras eminentemente agrogandeiras como A Barcala, A Fonsagrada, A Limia, Ancares, Arzúa, Baixo Miño, Bergantiños, Celanova, Compostela, O Eume, Ordes, O Ribeiro, Terra Chá, Terra de Soneira, Vigo ou Xallas. Trátase de proxectos de minería a ceo aberto cuxa explotación supón a destrución irreparable do solo do que depende a actividade económica e o medio de vida de miles de familias do noso medio rural. Se a Xunta de Galicia teima en sacar adiante o seu Plan Sectorial de Actividades Extractivas, estará apostando por uns centos de postos de traballo temporais fronte a miles de empregos fixos, por unha actividade económica a curto prazo fronte a outra que se mantivo durante milenios e da que vive o noso campo xeración tras xeración, por extraer minerais moitas veces sen valor social fronte á produción de alimentos da que depende a nosa existencia como pobo.
Por iso, o Sindicato Labrego Galego estará o 2 de xuño en Compostela apoiando a marcha de protesta convocada polo colectivo ContraMINAcción, e seguira co seu labor de oposición a todo aquel proxecto mineiro -en calquera concello, parroquia ou lugar- que atente contra os dereitos dos labregos e labregas do noso país.
