Novas

  • Os recortes no Hospital Lucus Augusti son recortes nas vidas das persoas do medio rural lucense

    Os recortes no Hospital Lucus Augusti son recortes nas vidas das persoas do medio rural lucense

    • 25,Mai 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Neste senso, temos que denunciar que, coma sempre, son as persoas que viven no medio rural das comarcas máis afastadas dos principais núcleos urbanos as que padecerán as peores consecuencias dos recortes da Xunta. A intención da Consellaría de Sanidade de ofrecer estes tratamentos en centros hospitalarios das cidades da Coruña e de Santiago de Compostela condena aos enfermos e enfermas de cancro e do corazón de bisbarras como A Mariña, Ancares, A Fonsagrada ou Terra de Lemos a ter que facer desprazamentos dunha media de catro horas e máis de trescentos quilómetros, contabilizando ida e volta, e agardar longas quendas para recibir sesións ou tratamentos que, se falamos de radioterapia, requiren só uns vinte minutos. No caso de ter que atender un infarto con urxencia, desprazarse a Lugo ou á Coruña pode ser a diferenza entre a vida e a morte. Isto último xa foi corroborado polas estatísticas: as cifras de mortalidade por infarto en Lugo duplican as de áreas sanitarias como A Coruña, Santiago ou Vigo, onde si existe sala de hemodinámica; isto sucede porque se o paciente tarda máis de dúas horas en ser atendido o tratamento máis efectivo, a anxioplastia -apertura da arteria- deixa de ser a mellor opción.

    Dende o SLG, non imos pedirlle ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, que cumpra as promesas feitas a este respecto na inauguración do HULA, o 26 de febreiro de 2011, cando asegurou que ía dotar ao hospital destes servizos en cuestión de meses. Afeitos e afeitas como estamos ao incumprimento dos compromisos do Goberno Galego, apelamos á súa humanidade e a que non agudice o padecemento de persoas que xa están a sufrir un auténtico calvario por ter que enfrontarse a enfermidades tan graves coma o cancro, e non xogue coa vida da xente que sofre doenzas cardíacas coma infartos. Neste caso, o que nos estamos a xogar non é o aforro duns miles de euros, senón a vida de persoas, e con iso non deben xogar nin recortar.