Novas

  • Tres novas sentenzas condenatorias obrigan a Lácteos Tambre a pagar as débedas que mantén coas explotacións

    Tres novas sentenzas condenatorias obrigan a Lácteos Tambre a pagar as débedas que mantén coas explotacións

    • 06,Abr 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A empresa viu desestimadas as alegacións que opuxo ao proceso e foi condenada a pagar o leite entregado, os xuros establecidos na Lei de Medidas contra a Morosidade, así como as costas xudiciais.

    A pesares destas sentenzas e das que xa recaeron anteriormente, a empresa non quixo pagar voluntariamente e houbo que acudir a un proceso de execución forzosa para embargarlle os bens. A Xustiza está tendo dificultades para proceder a este embargo porque Lácteos Tambre declarouse sen bens e sen ingresos. Sen embargo, o mesmo empresario que está detrás de Lácteos Tambre, Ramón Sangiao Ríos, continúa operando no sector de forma directa ou a través de familiares e persoas da súa confianza, e coas empresas Lácteos Merza e Logística Alimentaria. Así, dende a sede de Lácteos Tambre, este empresario continúa recollendo o leite de moitas explotacións galegas e operando no mercado coma se esta situación non tivese nada que ver con estas outras empresas.

    Dende o Sindicato Labrego Galego temos que denunciar a absoluta pasividade da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura, que manteñen un silencio cómplice diante desta agresión en toda regla ás explotacións lácteas que sufren os impagos e que vén como este empresario se sae coa súa a pesares de ser condenado pola Xustiza. Ademais, o Ministerio de Agricultura tiña vías que non utilizou para forzar a Lácteos Tambre e a Ramón Sangiao a pagar, pois é o ministerio quen outorga ou revoga licenzas para primeiros compradores, como as obtidas para Lácteos Merza e Logística Alimentaria.

    O Sindicato Labrego Galego continuará defendendo aos gandeiros e gandeiras que se atopen en situacións de impagos, e seguirá denunciando perante as administracións competentes estas situacións para que tomen medidas.

    No caso concreto de Lácteos Tambre, o SLG vai iniciar unha campaña informativa dirixida aos consumidores e consumidoras e ao público en xeral, para que se coñezan que empresas realizan este tipo de prácticas de forma directa, así como as industrias e marcas comerciais que se abastecen das súas materias primas para logo transformalas e vendelas ao público.

    Protestas contra Lácteos Tambre

     

    1Pódense consultar os antecedentes desta información en: