Novas

  • As propostas aprobadas polo Parlamento Europeo para a nova PAC afondarán na crise do sector lácteo galego

    As propostas aprobadas polo Parlamento Europeo para a nova PAC afondarán na crise do sector lácteo galego

    • 15,Mar 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para empezar, as directrices aprobadas polos europarlamentarios e europarlamentarias continuarán coa liña marcada de deixar os mercados e a produción agraria sen regulación e baixo o arbitrio dos máis fortes. Un bo exemplo témolo no sector lácteo, onde se avogou por poñer fin ao sistema de cotas en 2015, deixando ás explotacións leiteiras sen ningún tipo de control sobre a cantidade de leite a producir. Iso si, aprobaron subvencionar con cartos públicos o abandono da produción.  É dicir, cos cartos de todos e de todas se vai sufragar que as macroexplotacións sigan aumentando a súa produción cun sistema insostible social e medioambientalmente para producir leite de dubidosa calidade en cantidades inxentes e a prezos cada vez máis baixos. Así, a produción leiteira seguirá concentrándose cada vez en menos explotacións e en zonas xeográficas máis restrinxidas e incidindo, polo tanto, no desemprego e desertización xeneralizados do medio rural.

    Outra das medidas aprobadas polo Parlamento Europeo onte resulta vergonzosa no contexto actual de crise: en troques de limitar a percepción de axudas para evitar que nobres, terratenentes e grandes industrias sigan a ser os principais beneficiarios da PAC ao percibir o meirande das subvencións, as cousas van seguir como estaban. A solución era doada: poñer un tope de 100.000 euros como máximo a percibir en forma de axuda directa, tal e como propuña a Coordinadora Europea da Vía Campesina. Nembargante, o Parlamento Europeo aprobou poder dar axudas de até 300.000 euros, de maneira que poderán seguir sacando suculentas subvencións da PAC labregas tan necesitadas como a Raíña de Inglaterra ou a Duquesa de Alba. Para Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e membro do comité coordinador da Vía Campesina en Europa “é inmoral que xente coma esta siga cobrando axudas públicas tan abondosas mentres unha boa parte da poboación europea vive en condicións de miseria”.

    Polo demais, outros cambios aprobados polo Parlamento Europeo para a nova PAC, aínda sendo positivos, son demasiado tímidos á hora de apostar por unha agricultura máis diversificada, sostible ambientalmente e practicada por pequenas e medianas explotacións que son as que manteñen realmente vivo ao medio rural.