Se un dos compromisos adoptados era o de ir subindo o prezo do leite até que este cubra, cando menos, os custes de produción nas explotacións; dende o SLG constatamos que, dende novembro, o valor do leite en orixe tivo unha recuperación mínima de 1 céntimo, estancándose neste nivel en decembro, de maneira que o litro de leite na Galiza está agora a 31 céntimos, moi lonxe dos 40 céntimos que custa producilo. Ademais, o diferencial do prezo de Galiza co resto de comunidades do Estado aumentou neste período.
O peor, é que as industrias tentan impoñer estes prezos de miseria aproveitándose dos contratos, que redactan con letra pequena e condicións leoninas. Se hai unhas semanas o Sindicato Labrego Galego denunciaba que Leite Río e Lactalis pretendían obrigar a asinar contratos retroactivos para pagar o leite do último trimestre de 2012 a prezos miserentos, agora o repertorio desta tentativa de estafa masiva e contractual aumentou. Vexamos algúns exemplos que puido constatar o Sindicato Labrego:
Diante desta actitude das industrias, que dende o SLG xa denunciamos nas últimas semanas, solicitamos a convocatoria urxente da Mesa do Leite para esixir o cumprimento dos acordos acadados trala folga de entregas de novembro. Ademais, o Sindicato Labrego Galego demandará da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que saian da súa parálise e impulsen e aproben xa as medidas lexislativas necesarias -nomeadamente a Lei da Cadea Alimentaria- para poñer couto ás prácticas mafiosas da industria e para garantir a supervivencia e continuidade dos miles de labregos e labregas que aínda teñen o seu medio de vida na produción de leite ou de calquera outro produto agropecuario.