Nesta asemblea, analizarase a evolución que tivo este problema nas últimas semanas e as accións a empreder para que a Xunta de Galicia, o Consello Regulador e as adegas implicadas ofrezan solucións efectivas e inmediatas que permitan aos viticultores e ás viticultoras ingresar os cartos obtidos polo seu traballo. Para o SLG, resulta inadmisible que as persoas afectadas polos impagos leven máis dun ano sen cobrar a vendima de 2011; padezan o agravio económico e moral de que lles retiren das súas contas bancarias persoais os cartos adiantados polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); e sigan sen ter unha resposta ás súas demandas por parte da Xunta de Galicia, do Consello Regulador de Rías Baixas ou das propias adegas morosas, despois de que o Sindicato Labrego Galego lles comunicase esta problemática e lles reclamase unha saída á mesma a uns e outros.