Cómpre non esquecer a fonda crise pola que está a atravesar o sector lácteo galego, con prezos en orixe que nin sequera cobren uns custes de produción que, día a día, seguen a alza. Neste contexto, a débeda de Alimentos Lácteos coas explotacións que lle fornecen podería abocar a moitas delas ao peche. Que, por riba, Alimentos Lácteos pretenda eludir a súa morosidade dando participacións no capital social da empresa semella unha burla cara aos produtores e produtoras que están afectados.
Respecto disto último, dende o Sindicato Labrego Galego queremos lembrar que outras empresas como Lácteos Tambre manteñen débedas polo pagamento do leite ás explotacións que lles fornecen e que, lonxe de saldalas, desenvolven todo tipo de artimañas legais para eludir indefinidamente os pagos. E todo isto co visto e prace da Consellaría de Medio Rural, que non fai nada para defender as explotacións. Dende o SLG, agardamos que o departamento que dirixe Rosa Quintana non incorra neste erro tamén no caso de Alimentos Lácteos.
Polo demais, o Sindicato Labrego Galego solidarízase co cadro de persoal da factoría de Alimentos Lácteos e esixe, por todo o devandito, que a Xunta, despois de ter financiado con moitos millóns do erario público a supervivencia desta empresa, artelle un plan definitivo que garanta a súa viabilidade e a de todas as explotacións leiteiras que dependen dela para chegar a fin de mes.