Novas

  • O SLG demanda instrumentos de protección e mobilidade da terra agraria para garantir o futuro do sector lácteo

    O SLG demanda instrumentos de protección e mobilidade da terra agraria para garantir o futuro do sector lácteo

    • 11,Xan 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Isabel Vilalba destacou que, a pesares de avanzar en positivo nesta comisión de traballo, é urxente e imprescindible que o leite que se cobre neste mes de xaneiro reflicta un aumento de prezo que deteña a caída en picado nas rendas das explotacións leiteiras.

    En relación tamén coa rendibilidade da profesión leiteira, a secretaria xeral do SLG chamou a atención sobre a necesidade das explotacións de ter acceso a máis base territorial para poder producir os seus propios pasteiros e forraxes de cara a diminuir a dependencia de insumos externos e baixar os custes de produción. “Para isto é fundamental”, declarou Isabel Vilalba, “a ordenación do territorio, no sentido de protexer o solo agropecuario de usos como o forestal ou o mineiro. Amais de protexer a superficie agraria, tamén son necesarios mecanismos que mobilicen a terra en desuso e abandonada para que poida ser utilizada polas explotacións agrogandeiras”.

    Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego pedirá que o solo agrario sexa destinado só a usos agropecuarios que son, precisamente, os que xeran emprego e fixan poboación de xeito permanente no medio rural. Por iso, o SLG defenderá que a nova Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia, cuxo borrador está a ser analizado e debatido nestes intres polos integrantes desta comisión, poña fin a prácticas ilicitas totalmente estendidas no noso país en conivencia coas autoridades, como a forestación ilegal de terras agrarias, que están a deixar as nosas explotacións sen predios para desenvolver a súa actividade e a converter o noso campo en materia combustible para os incendios.