Novas

  • As prácticas da distribución destrúen o sector lácteo galego

    As prácticas da distribución destrúen o sector lácteo galego

    • 29,Ago 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O Sindicato Labrego Galego pídelle ao ministro Miguel Arias Cañete que tome
    medidas obrigatorias que acaben coa práctica habitual do sector da distribución e
    da industria de imporlles ás produtoras e produtores de leite prezos por debaixo dos
    custos de produción, no marco de guerras comerciais entre as distintas cadeas.

    O Ministerio manifestou que non ía estar indiferente neste momento de enormes

    subas dos custos de produción e solicitoulles apoio á distribución e á industria, e que
    integrasen nas súas dinámicas empresariais o interese estratéxico do sector lácteo,
    sinalando textualmente que “o que se paga polo leite máis as axudas europeas está
    por debaixo dos custos de produción.

    O SLG valora positivamente o primeiro paso que supón o compromiso do grupo
    Asedas no que está integrada Mercadona de chegar a un acordo coa industria para
    subir o prezo do leite a gandeiras e gandeiros no pagamento de setembro, despois
    da análise da suba dos custos de produción.
    A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Isabel Vilalba sinalou na xuntanza
    co ministro a necesidade urxente de que toda a distribución e a industria se
    comprometan con carácter inmediato na suba do prezo do leite que se paga ás
    gandeiras e gandeiros, debido á insostibilidade dunha situación na que o prezo de
    calquera fórmula de alimentación do gando custa arredor do 130% en relación co
    prezo do leite.

    Por outra parte, o SLG tamén considera positivo que se inicie un programa de
    control da calidade do leite sobre as empresas e a distribución por parte das
    comunidades autónomas e do Ministerio, así como a intención expresada polo
    ministro de que se poñan medidas para evitar que o paquete lácteo e os contratos se
    convirtan nunha ferramenta para poñer na corda frouxa aos produtores e produtoras.

    O SLG quere destacar o feito de que o ministro sinalase con claridade que as
    prácticas da distribución están a arruinar un sector estratéxico, dado que podemos
    estar nun escenario no que desaparezan miles de explotacións, de postos de
    traballo, e mesmo chegar nun futuro próximo a depender totalmente das
    importacións para acceder a un produto de primeira necesidade como o leite, e que
    os prezos de acceso para a parte consumidora sexan moito máis elevados e mesmo
    se chegue a comprometer a seguridade alimentaria no estado español.

    Despois de recoñecer de que como ministro nunca tivo a certeza dunha situación
    de dificultade como a que están a pasar as 22.000 explotacións lácteas e de que hai
    un gran compoñente social que debería evitar que se empregase o leite nunha
    guerra comercial, o ministro emprazou á distribución a unha xuntanza bilateral para o
    xoves da semana que vén.

    Para o SLG, a actuación do Ministerio non pode ser só pedir boa vontade da
    distribución para que deixe de impor prezos ruinosos para as explotacións, posto
    que hai claramente ilegalidades que deben ser perseguidas e sancionadas como o
    feito de que a distribución impoña prezos de venda que obriguen a un sector a
    vender a perdas, haxa acordos recoñecidos pola Comisión da Competencia das
    Industrias para impor estes prezos ruinosos, ou que haxa leite francés estandarizado
    a 26 céntimos no Estado Español, cando cos prezos que se pagan en Francia máis
    os transportes sería imposible que baixase de 33,50 céntimos..

    O ministro tamén sinalou que está a traballar co Ministerio Francés sobre o tema
    do incremento do prezo dos cereais, indicando que, á parte de algúns outros motivos
    como a seca nalgúns países, está a ser determinante a especulación dos mercados
    de futuros para esta volatilidade. Dende o Sindicato Labrego Galego, queremos
    lembrar que está volatilidade que está a comprometer a alimentación da nosa
    gandeiría, tamén é responsable da fame de millóns de persoas no mundo. Por isto,
    demandámoslles as administracións estatais e europeas medidas urxentes e
    decididas que acaben dunha vez por todas co volatilidade de prezos e coa
    especulación financeira no mercado de alimentos.