Neste senso, a secretaria xeral do SLG cualificou o encontro de “positivo”, por aceptar Feijóo facer propias do Goberno Galego as reivindicacions que se consensúen na Mesa do Leite, e para o cal “o Sindicato Labrego lle quere dar unha marxe de confianza”.
Carme Freire considerou que “temos unha oportunidade histórica para que, dunha vez por todas, no Estado Español se regulen as relacións comerciais no sector lácteo e nos demais produtos agrogandeiros. E iso é posible a través de dúas medidas: por unha banda, facer normas para que se constrúa de abaixo a arriba un prezo para que o leite chegue ao consumidor ou consumidora cun valor xusto, pero tamén para que produtores e produtoras non sigamos a sufrir a extorsión das industrias e das grandes distribuidoras; e, por outra banda, regular as marxes comerciais, a través da Lei da Cadea Alimentaria, para que a xente non teña que pagar plusvalías abusivas que, segundo de que produto agrario se trate, poden chegar a superar o 1.000%”.
