Novas

  • O SLG denuncia ante os grupos parlamentarios do BNG e do PSOE os impagos das lácteas ás explotacións

    O SLG denuncia ante os grupos parlamentarios do BNG e do PSOE os impagos das lácteas ás explotacións

    • 27,Mar 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Por parte do SLG asistiron a súa secretaria xeral, Carme Freire, o membro da Executiva do sindicato, Xosé Manuel Calvo Rei, e gandeiros e gandeiras afectados polos impagos; mentres que polos partidos políticos, Sonia Verdes representou ao PSdG e Tareixa Paz ao BNG.

    A intención do SLG con estes encontros foi a de obter o apoio explícito ás explotacións afectadas por parte dos partidos políticos con representación do Parlamento Galego. Previamente, o 26 de xaneiro, o SLG xa obtivo o pronunciamento a favor dos gandeiros e das gandeiras por parte de Medio Rural, tras manter unha reunión coa conselleira Rosa Quintana1.

    Tralas xuntanzas, tanto o BNG como o PSOE comprometéronse a presentar iniciativas ou preguntas no Parlamento de Galicia para que a Consellaría de Medio Rural explique as medidas que ten pensado pór en práctica para solucionar esta problemática e evitar que se volva repetir no futuro. Ademais, dende o Sindicato Labrego Galego tamén se lle pediu a ambos partidos que fagan público o seu apoio ás explotacións afectadas e condenen a actitude de empresas morosas como Lácteos Tambre, que seguen operando no mercado do leite con total impunidade.

    Fallos xudiciais a favor das explotacións

    As explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre denuncian que se lles debe leite recollido durante o primeiro trimestre de 2011, con débedas que van dos 3.000 aos 7.000 euros, segundo o caso. En total, son sete as explotacións que asesoran os servizos xurídicos do SLG e que se atreveron a levar os impagos aos xulgados de Ordes, obtendo varias sentenzas favorables.

    Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en Muxía, Tordoia e Arzúa, poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Arzúa, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, algunhas de até 30.000 euros, non quixeron denunciar a súa situación por temor a represalias.

    Xuntanzas BNG PSOE