Novas

  • Reacción ante o peche de Galicia Hoxe: O SLG expresa a súa indignación pola teima da Xunta en amordazar a parte da sociedade galega e pola brutal agresión á nosa lingua

    Reacción ante o peche de Galicia Hoxe: O SLG expresa a súa indignación pola teima da Xunta en amordazar a parte da sociedade galega e pola brutal agresión á nosa lingua

    • 29,Xuñ 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Tería bastado cunha ínfima porcentaxe dos millóns de euros que o Goberno de Feijóo ten desbaldido na Cidade da Cultura para que Galicia Hoxe continuase dignamente co seu labor. Desta maneira, a Xunta amordaza a toda a pléiade de xornalistas, articulistas e temáticas que daban contido ao Galicia Hoxe e que non adoitan a ter eco noutros medios de comunicación; vaian coma exemplo cuestións centrais para esta organización sindical como a soberanía alimentaria, a alternativa comercializadora dos mercados de proximidade e da venda directa de produtos agrarios, a loita contra os transxénicos ou o comercio xusto. É evidente que a Xunta prefire unha Galiza na que só teña voz o pensamento único do neoliberalismo económico, social e cultural; e unha prensa escrita que só fale nun único idioma: o castelán. Dende a ditadura franquista, o idioma galego e a liberdade de expresión na Galiza non recordan unha agresión tan brutal, premeditada e destrutora como a que está a perpetrar o actual Goberno da Xunta.

    Porque os galegos e galegas temos o dereito a informarnos no noso idioma e das problemáticas que realmente nos afectan; porque os cidadáns e cidadás temos dereito a que os cartos dos nosos impostos se xestionen de xeito democrático e transparente á hora de financiar os medios de comunicación, con independencia do idioma que utilicen, da xente que neles escriba ou dos temas que traten; porque os consumidores e consumidoras temos o dereito a elixir unha unha alimentación sa, sostible e de calidade; e porque que os labregos e labregas temos dereito a vivir dignamente do noso traballo; as persoas que formamos o Sindicato Labrego Galego nos reafirmamos no compromiso irrenunciable co noso idioma e cunha visión alternativa da agricultura que posibilite a mantenza dun medio rural vivo e a soberanía alimentaria de Galiza. Por moito que nos censuren, e por moito que lle pese ao Goberno da Xunta.