As facturas pendentes de pago corresponden ao primeiro trimestre do 2011, e a débeda contraída de Lácteos Tambre con estas explotacións denunciantes vai dos 3.000 até os 7.000 euros.
Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en Muxía, Tordoia e Arzúa, poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Arzúa, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, algunhas de até 30.000 euros, non quixeron denunciar a súa situación por temor a represalias.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, volveu insistir hoxe na actitude de pasividade da Consellaría de Medio Rural neste conflito, e acusouna de “estar totalmente desaparecida” e de inhibirse completamente dos problemas da xente. Respecto disto, cómpre lembrar que unha das escusas esgrimidas por Lácteos Tambre para non pagar é que está pendente de recibir un crédito do Igape, pero que non dá obtido o aval da Xunta, polo que, agora mesmo, “hai familias que poden verse na obriga de pechar a súa explotación e ter que buscar outro medio de vida por culpa da desidia de Medio Rural”. Respecto disto, Freire preguntouse “¿Que medidas concretas pensan adoptar dende o Goberno Galego?
Os gandeiros e gandeiras denunciantes tamén expresaron o seu malestar, como Benito Pose, que rexenta unha explotación en Muxía, que compartiu o seu sentimento de indefensión diante da pasividade dos nosos gobernantes: “Nós traballamos honradamente, vendemos o noso leite, pero non o cobramos. A empresa ten os nosos cartos e a administración non fai nada. ¿Quen somos nós? ¿Non somos persoas para que nos defendan? Eliximos aos políticos cada catro anos para que nos defendan, pero non o fan. Se seguimos así, ¿para que queremos políticos? Nestas eleccións, ¿para que van vir pedir que lles votemos?”
Outra gandeira de Tordoia, Feli Mato, lembrou que “segundo a Constitución, todo traballador ten dereito a recibir un salario polo seu traballo. O noso traballo é muxir as vacas e vender o leite, moitas veces con xornadas laborais de 16 horas. Agora mesmo, Lácteos Tambre quedou co froito do noso traballo, pero non nos deu o noso salario. Os cartos dese leite non foi ingresado nas nosas contas, e levan meses prometéndonos que o van facer”
Finalmente, o responsábel do SLG nas comarcas de Arzúa e Melide, Xulio Fernández, tamén presente na entrega das denuncias, animou aos gandeiros e gandeiras afectados/as polos impagos de Lácteos Tambre a “que non queden no anonimato e denuncien publicamente a súa situación, que reclamen nos xulgados o que é deles”.