Novas

  • Varias explotacións das bisbarras da Costa da Morte e Ordes denuncian a Lácteos Tambre por impago

    Varias explotacións das bisbarras da Costa da Morte e Ordes denuncian a Lácteos Tambre por impago

    • 27,Abr 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en dous municipios (Muxía e Tordoia), poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, non quixeron denunciar publicamente a súa situación por temor a represalias.

    A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, denunciou a actitude da empresa ao “xogar co medio fundamental de vida” das explotacións afectadas; e anunciou -tras esgotar todas as vías posibles- o inicio de accións xudiciais para reclamar “o diñeiro que legalmente é destas explotacións”. Neste senso, Freire lembrou que Lacteos Tambre “está a incumprir flagrantemente a Lei de Morosidade, que obriga a pagar no prazo máximo dun mes os produtos frescos coma o leite”.

    A maiores, a secretaria xeral do SLG denunciou tamén a actitude da Consellaría de Medio Rural neste conflito, á que acusou de “estar totalmente desaparecida” e de inhibirse completamente dos problemas da xente. Respecto disto, Carme Freire explicou que unha das escusas esgrimidas por Lácteos Tambre para non pagar é que está pendente de recibir un crédito do Igape, pero que non dá obtido o aval da Xunta, polo que, agora mesmo, “hai familias que se van ver obrigadas a pechar a súa explotación e a buscar outro medio de vida por culpa da desidia de Medio Rural”.

    Tamén falaron os gandeiros e gandeiras afectados polas débedas, como Benito Pose e María Valdivieso, de Muxía; ou Feli Mato, Celina Juncal e Xosé Manuel Liste, de Tordoia, e compartiron cos e coas xornalistas a situación dramática que están a vivir. “Seguimos a ter os mesmos gastos”, declararon, “pois temos que seguir mantendo as vacas, seguir pagando a electricidade e o gasóleo, os seguros… Hoxe vívese ao día, e levamos tres meses sen cobrar. ¿Que facemos? ¿Pedimos un crédito para poder comer?”. Así e todo, están dispostos e dispostos a reclamar o que é seu polos medios que a lei lles dá: “Que saiban que non estamos aquí para pedir esmola, nin vimos aquí a axeonllarnos. Vimos aquí a pedir o que é noso, o que gañamos co noso traballo. Eles teñen o noso leite e os nosos cartos”.

    Denuncia Lácteos Tambre

     

    undefined