O encarecemento da electricidade vense sumar a un incremento brutal dos custes de produción que, no último ano, foi do 43’8 % nos fertilizantes, do 27’8% nos pensos para gando vacún ou do 40’6% na alimentación porcina, e sen esquecermos a suba do gasóleo agrícola, que pasou dos 0’70 de 2010 aos 0’90 céntimos de agora, o que supón un 27%. Tamén habería que engadir a todo isto a suba do 6% no butano a partir de mañá, pois o meirande das explotacións utilizan esta fonte de enerxía para quentar auga. Estes incrementos xeneralizados dos custes, unido a uns prezos agrarios en orixe estancados ou á baixa, sitúa a miles de explotacións ao borde do peche.
A suba xeneralizada da electricidade demostra que a liberalización do mercado eléctrico e a privatización da enerxía, quitándolle o control público, non redundou en beneficio da cidadanía, senón todo o contrario, pois os prezos non deixan de subir, tendo un tremendo impacto, coma sempre, sobre as familias con rendas máis baixas da sociedade e sobre aqueles sectores económicos máis agredidos e vulnerables ás políticas neoliberais imperantes, como os agrarios e os gandeiros.
Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos que o Goberno poña freo e esta escalada privatizadora, desautorizando este novo abuso das empresas eléctricas, e que faga o posible para manter os custes enerxéticos a prezos asequibles para toda a sociedade.