Novas

  • O Congreso da Pataca do SLG reclama estabilidade e prezos dignos para o sector

    O Congreso da Pataca do SLG reclama estabilidade e prezos dignos para o sector

    • 17,Mar 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Manola Cerredelo

    Algúns dos problemas que se identificaron no relatorio aprobado no Congreso da Pataca foron: Aumento constante das importacións de pataca foránea que provoca unha situación de prezos á baixa permanente, marxes comerciais abusivas entre os cartos percibidos polos labregos e labregas e os pagados no punto de venda, escasas iniciativas de asociacionismo que converten ao sector nun colectivo feble e fragmentado diante dos demais axentes da cadea comercial, contratos que non ofrecen ningunha garantía de prezo, ou gran dependencia das importacións para a pataca de sementeira que está a provocar serios problemas sanitarios.

    Un bo exemplo do devandito tivémolo na colleita do ano 2009, que se pagou a prezos de miseria que non cubriron nin os custes de produción (entre 4 e 8 céntimos o quilo), valores que caeron até un 50% con respecto ao prezo fixado dos contratos por mor dos descontos aplicados polos almacenistas, e que acadaron marxes de beneficio que superaron o 1.000% nas superficies comerciais.

    Diante deste contexto, a Dirección da Pataca do SLG asumiu os retos fixados no relatorio do Congreso como directrices para o seu traballo nos vindeiros catro anos. Entre as reivindicacións a defender están:

    • Apostar pola pataca de calidade e polo mercado interno galego como principal destino da mesma como vía para acadar prezos remuneradores e estables para o sector.

    • Demandar da Administración que incentive medidas de apoio de cara a que produtores e produtoras se asocien de cara a comercializar directamente as súas producións e de cara a desenvolver industrias de transformación propias.

    • Contratos homologados e voluntarios que fixen un prezo para a pataca que cubra os custes de produción e unha marxe de beneficio digna para as explotacións.

    • Establecemento de responsabilidades legais na pataca de semente para que asuman as perdas provocadas pola mesma os provedores e, a maiores, potenciar a produción de semente de pataca galega de calidade para reducir os custes que supón importala.

    • Dende unha perspectiva máis global, a Dirección da Pataca do SLG defenderá, no contexto da Política Agraria Común (PAC), a constitución dunha Organización Común de Mercado (OCM) para a pataca. A súa inexistencia fai que este sector agrario careza de axudas e da máis mínima regulación na Unión Europea. Precisamente, a regulación do sector da pataca é indispensable de cara a garantir unhas rendas dignas dos labregos e labregas que traballan nel, e para frear a especulación e abaneos de prezos que padece o sector.

      Congreso da pataca 2

      Congreso da pataca 1