Novas

  • O Sindicato Labrego Galego completou esta semana a súa rolda de contactos cos partidos políticos con xuntanzas co BNG e o PSOE

    O Sindicato Labrego Galego completou esta semana a súa rolda de contactos cos partidos políticos con xuntanzas co BNG e o PSOE

    • 11,Feb 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A intención destes contactos foi a de facerlle chegar ás diversas forzas que van competir polas alcaldías galegas as principais demandas do medio rural que poden ser apoiadas e defendidas dende os poderes locais que se formen tralos comicios de maio.

    Indo ao concreto, o SLG achegou aos partidos políticos cuestións como que se manteña nos planeamentos urbanísticos unha porcentaxe suficiente de terra agraria para a produción de alimentos e o desenvolvemento das diversas actividades agropecuarias. Outra reivindicación ten que ver con oporse ás recentemente aprobadas Directrices de Ordenación do Territorio, que pretenden concentrar os servizos basicamente nos grandes núcleos; fronte a estas directrices, o SLG transmitiulle aos partidos políticos a necesidade de reclamar que se manteñan e melloren servizos de proximidade nos pequenos concellos rurais, tanto para as explotacións como para a cidadanía en xeral. Tamén se incidiu en que se potencien e apoien, dende os concellos, fórmulas de comercialización local para os produtos das explotacións.

    Nestes encontros, o SLG reclamou que, dende os consistorios, se defenda ao medio rural fronte a agresións como a recente reforma da Lei do Solo, que permite que se destine a usos industriais a terra de especial protección agraria; ou a Lei de Augas de Galicia, que privatiza un dereito básico para a cidadanía e terá especial impacto nos labregos e nas labregas. Outra das peticións tivo que ver con lograr que haxa máis gobernos municipais que se sumen á lista de municipios libres de transxénicos.[1]

    Partido Popular

    Co Partido Popular, na súa sede central, o 2 de febreiro

    Esquerda Unida

    Con Esquerda Unida, na sede do SLG, o 3 de febreiro. 

    Bloque Nacionalista Galego

    Co BNG, na súa sede nacional, o 10 de febreiro. 

    PSOE

    Co PSOE, na súa sede en Compostela, o 11 de febreiro. 

     

    [1] http://www.galizasentransxenicos.org/?q=node/32