Nestes máis de tres anos de loita da veciñanza da Terra Chá, foron moitos os recursos, alegacións, xuntanzas, mobilizacións… Sendo este activismo comunitario o que impediu a implantación de dita actividade.
O salvavidas para a comarca era a prohibición da mesma en solo rústico de protección agropecuaria, practicamente o 100% do afectado. Mais o sector da minaría non cesou a presión sobre a Administración.
En 2007 entraba no Parlamento galego o anteproxecto de Lei de Minaría para Galiza, no que modificaban o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza. En solo rústico de protección agropecuaria a actividade extractiva pasaba de considerarse “prohibida” a “permitida con licencia municipal”. A mobilización cidadá fixo que os propios grupos políticos que estaban no goberno presentasen enmendas para suprimir esta modificación e manter a prohibición na Lei finalmente aprobada.
Pero a presión da industria mineira non cesou, e o pasado 31 de marzo publicábase no DOG a modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, figurando a substitución da prohibición existente de realizar actividades mineiro- extractivas en solo rústico de protección agropecuaria pola posíbel autorización por parte da Administración da Comunidade Autónoma.
Este é para o goberno actual o significado de “preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais”. Esta modificación foi resultado dunha enmenda introducida no debate parlamentario polo Partido Popular.
Dende a Comisión de Asociacións afectadas polas concesións mineiras na Terra Chá denunciamos a gravísima a perda de dereitos para a cidadanía –e para as labregas e labregos en particular –que supón esta modificación. De feito, tanto por medio das alegacións presentadas á Lei do Solo coma no debate do Anteproxecto de Lei que tivo lugar no marco do Consello Económico e Social (CES), non se aceptou polos axentes sociais a pretensión que finalmente prosperou de permitir a actividade mineiro-extractiva en solo agrario, amosándose finalmente ás claras a connivencia do Goberno Galego coas multinacionais explotadoras de recursos mineiros.
Quen se beneficia da nosa destrucción?
ERIMSA, segundo a súa web “empresa gallega”, en realidade é a empresa de capital noruegués “Nor Kwarts”. O noso seixo, tan prezado para fabricar microchips e placas fotovoltaicas, vai beneficiar única e exclusivamente a esta empresa, que en todo o Estado non chega aos 100 empregados e empregadas e que na Terra Chá crearía todo o máis unha ducia de postos de traballo.
A cambio: reducir a base territorial das nosas explotacións e na maioría dos casos abocalas a pechar -pola dependencia que lles crearía dos insumos-, e modificar irreversíbelmente as especiais características do chan da nosa comarca
A valoración do seixo que se extraería -segundo o proxecto, ninguén vai poder comprobalo– ronda en 20 anos os 75.613.685 millóns de euros; sen cuantificar, por suposto, o valor engadido do seixo que se vai transformar integramente fora de Galiza e do Estado. E esta concesión poderíase prorrogar até 90 anos…
O noso seixo non é a súa mina.
Diante desta situación, a Comisión de Asociacións decidimos organizar unha nova xornada–festival o vindeiro sábado 22 de maio, no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), para seguirmos coa nosa actividade de denuncia e demandar a anulación da solicitude de extracción de seixo na Terra Chá solicitada pola empresa ERIMSA.
Contaremos con actos informativos, co apoio de persoeiros públicos e coas actuacións musicais de grupos que tocarán de balde para apoiarnos.
Nas mesas redondas, salientar a asistencia -confirmada nestes días-, do presidente do Inituto Universitario de Geología Isidro Parga Pondal, Vidal Romani.
Esta entidade ten entre os seus obxectivos a realización de estudos de impacto ambiental realizados polas Obras Públicas e a Minería, a investigación sobre conservación de chans orientada cara á agricultura ou o medio ambiente e a avaliación de recursos naturais: minería, paisaxe, etc.
Todas e todos estades convidados a esta xornada de festa e reivindicación na Terra Chá. Sinalar que tamén foi convidado oficialmente o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, mais inda non respostou, nin afirmativa nin negativamente, ao noso convite.