De entrada, dende o Sindicato Labrego Galego preguntámonos por que a Deputación exclúe a explotación tradicional dos soutos, e cales son os criterios que fan que, dende o seu punto de vista, só as empresas poidan levar a cabo esta actividade.
Ademais, é moi preocupante como vai repercutir nas propietarias e propietarios dos soutos, que malia a ser produtores/as e mantedores/as destas masas singulares do país, quedan relegados/as nesta regulamentación á obrigatoriedade de que a empresa formalice con eles e elas un compromiso polos terreos que se verán afectados.
Durante os tres anos de duración do proxecto, que é o que van percibir os labregos e labregas a cambio de que unha empresa xestione e comercialice as castañas dos seus soutos? Será unha participación na iniciativa, un aporte económico ou un enganoso acordo de limpeza do souto a cambio da súa explotación?
Cando remate a vixencia do convenio que asinará a entidade adxudicataria coa Deputación provincial de Lugo e despois da inversión realizada pola empresa, cal é o destino dos soutos en produción?
Para que empresa está feita esta subvención?
Por outra banda, e observando os requisitos para concorrer á concesión da axuda, dende o SLG plantéxasenos a dúbida de saber cal será a empresa con “experiencia e solvencia demostrable no ámbito da produción de froitos silvestres, a súa transformación e/ou a súa comercialización e capacidade para levar a cabo as actividades obxecto desta liña de axudas” que teña “como mínimo un capital social que cubra o importe das axudas”, que opte á concesión das mesmas, xa que no prazo de 20 días ten que presentar, entre outra documentación,
-Proxecto de desenvolvemento no que se reflictan os obxectivos a acada, metodoloxía de traballo, cronograma de posta en marcha, actividades a emprender, etc…
-Orzamento detallado, descomposto por partidas, e facturas proforma que o sustenten.
-Estudo técnico-económico de viabilidade dos investimentos e do seu financiamento.
-Licenza de obra provisional, e cualificación urbanística da parcela, así como proxecto ou anteproxecto da mesma, no caso de realización de construcións.
-Conseguir o compromiso de propietarios/as dos terreos de máis de 50 ha par o primeiro ano, máis de 75 ha para o segundo e máis de 100 ha para o terceiro.
En definitiva, que se trata dunha ambiciosa e intrigante convocatoria de subvención co fin de favorecer a competitividade e desenvolvemento empresarial, aportando 700.000 € para a realización de estudos de mercado, a construción de naves e oficinas, a instalación de viveiros, a merca de vehículos e medios informáticos; enmascarado baixo o título de “Valorización ambiental, social e económica dos recursos propios do medio rural”.
Dende o SLG, cuestionamos as políticas de desenvolvemento que apostan por favorecer ás empresas e industrias na contra de apoiar ás persoas moradoras do rural e polo tanto mantedoras do seu entorno.
Segundo a Deputación de Lugo, as persoas que fan “un modelo de explotación tradicional”, moitas veces complemento importante da renda familiar, non son quen de verse favorecidas polas súas estratexias de cara á “valorización “ do medio rural , ese medio rural no que algunhas e algúns vivimos tódolos días.
*Arquivo pra descarregar: BOP Lugo