Comunicado de prensa da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC), da que o Sindicato Labrego Galego fai parte. Se queremos defender a nosa agricultura, a nosa alimentación e os mercados europeos, é vital afastarse do paradigma do libre comercio e fortalecer a soberanía alimentaria.
O presidente de EEUU, Donald Trump, dediciu iniciar unha guerra comercial e aumentar os aranceis ás importacións da Unión Europea e do resto do mundo. A agricultura verase moi afectada, empezando polas produtoras e produtores de bens de exportación (viño, queixo, aceite, etc.), sen esquecer ás persoas labregas, que se verán obrigadas a facer fronte á competencia que supón que haxa máis bens no mercado interior. Neste contexto, hai quen pensa que a rápida ratificación de novos acordos de libre comercio é a única solución. Esta proposta prexudicará ás persoas agricultoras e ás nosas sociedades durante décadas, manterá a vulnerabilidade dos mercados europeos e porá en risco a desexada autonomía estratéxica. Se queremos defender a nosa agricultura, a nosa alimentación e os mercados europeos, é vital afastarse do paradigma do libre comercio e fortalecer a soberanía alimentaria.
A vulnerabilidade do mercado europeo aos aranceis estadounidenses é o resultado das políticas neoliberais das últimas décadas que promoveron un modelo de produción orientado á industrialización e ao comercio internacional. Mediante a proliferación de acordos de libre comercio, estas políticas estannos levando a unha carreira pola competitividade e a industrialización da agricultura na que se abandona o compoñente social, ambiental e sanitario ante a presión por reducir os gastos de produción. No contexto xeopolítico actual, compre destacar que a lóxica comercial neoliberal provoca e intensifica as crises políticas, económicas, ambientais e sanitarias que se suceden unha trala outra, o que levou a un aumento da nosa dependencia respecto ás grandes potencias estranxeiras. É o caso do acordo de libre comercio entre a UE e o Mercosur, que afectará negativamente a sectores sensibles e á soberanía alimentaria ao ignorar por completo o dereito das labregas a un prezo xusto.
Sexamos realistas: o obxectivo de Donald Trump non é desafiar a globalización, senón obrigar ao resto do mundo a importar máis produtos estadounidenses e a someterse ao seu plan de desregulación económica. No caso da agricultura, a crise actual só se agravaría. A pequena agricultura e a agricultura de subsistencia desaparecerían, co que se frearía a transición agroecolóxica. Ademais, o mercado europeo experimentaría unha apertura a produtos con normas menos estritas, como a carne tratada con hormonas ou os OMG.
Á vista destas conclusións, é necesario lembrar que Europa deberá mostrarse forte en termos de autonomía estratéxica nas súas necesidades fundamentais, entre as que a alimentación xoga un papel central. Necesitamos comer para vivir! Existe unha alternativa a someterse a Donald Trump e intensificar o libre comercio: a Unión Europea debe investir na soberanía alimentaria promovendo políticas orientadas á territorialización da produción, apoiando unha transición agroecolóxica e o relevo xeracional e protexendo a labregas e labregos de futuras tensións económicas e ecolóxicas. Nun momento no que a UE inviste masivamente en defensa a través dunha política de armamentos sen precedentes e abandona todos os obxectivos do Pacto Verde, non debemos sumirnos nunha carreira de competencia xeopolítica que carretará graves consecuencias para a paz, os dereitos humanos e os distintos territorios. Para que unha estratexia de seguridade ou de defensa sexa sostible, é imprescindible que se defenda a soberanía alimentaria.
Fronte á actual acumulación de crises e de ameazas reaccionarias e autoritarias, o movemento labrego reclama unha solución baseada nos dereitos humanos, na democracia e nas liberdades individuais e colectivas; na solidariedade internacional, no comercio xusto e na soberanía alimentaria do pobos como fórmula para construír un mundo xusto e en paz. ECVC insta á sociedade civil a construír unha fronte común que vaia nesta dirección.