A alimentación ten que ser un dereito, non un negocio. E posto que cómpre valorala como un dereito para toda a cidadanía, é responsabilidade da Administración velar polo contexto no que se leva a cabo o proceso produtor.
Neste senso, a pertinencia do texto recentemente aprobado para a declaración de Zona ZEPA para A Limia, fica en entredito por mor da súa propia ambigüidade, xa que se apoia en inexactitudes como “respectaranse os usos agrarios tradicionais da comarca” (sen aclarar que entende a Consellaría por tradicional ou non), ou anunciando a creación dunha “zona periférica de protección”, da cal non se describe característica ningunha.
A CMR non informa, polo tanto, de en que medida vai afectar ás produtoras e produtores da comarca a declaración de Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA).
Logo da asemblea da Plataforma ZEPA NON! -da cal o SLG forma parte- celebrada onte pola noite en Xinzo, acordouse solicitar unha entrevista cos voceiros dos tres grupos parlamentarios no Parlamento Galego para instar á Xunta a que cumpra o acordo asinado por unanimidade polos tres grupos, e debatido na Comisión de Agricultura do Parlamento o 23 de outubro, que en materia de zona ZEPA empraza á Xunta de Galiza a : “que inicie con carácter previo a calquera decisión un proceso de diálogo e negociación con tódalas partes coa finalidade de acadar unha solución de consenso.” *
Asemade, realizarase tamén unha petición á Consellaría do Medio Rural para que veña á comarca d´A Limia a informar e explicar aos veciños e veciñas o novo decreto da ZEPA, é dicir, o que implica, as medidas que se levarán adiante, perímetro da “zona periférica”, etc.
*NdP111109-”Falla de información e e transparencia na declaración de Zona ZEPA para A Limia que a CMR quere aprobar mañá”: http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=407