Novas

  • Taxa na Lonxa de Silleda, un novo golpe para as explotacións

    Taxa na Lonxa de Silleda, un novo golpe para as explotacións

    • 13,Nov 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nestes momentos, en que todo o sector gandeiro está afundido, tanto económica como animicamente, pola adversidade dos últimos tempos, de suba constante dos custos de produción ao tempo que perden prezo; e custándolles como lles está custando reunir forzas para manter abertas as súas explotacións, á Lonxa non se lle ocorre mellor idea que empezar a aplicar unha taxa por asistencia, xusto neste momento.

     

    Non podemos entender que é o que se pretende, pero dá a impresión de que o obxectivo é que a xente deixe de levar os xatos a Silleda. Ademais, tendo en conta que o 80 % dos que van son frisóns, que logo case hai que rogar para que chos leven, o único que falta xa é poñerlles unha taxa.

     

    Xa sabemos que a taxa non é importante en termos de diñeiro, pero é un custo máis que vai directamente á conta de perdas das explotacións, senta o precedente da existencia da taxa e ademais cun impacto psicolóxico de incrementar a sensación de perda e o desánimo.

     

    Demandamos dende o SLG que se replantexen seriamente o de empezar a cobrar a taxa, xa que pensamos que vai ser unha decisión moi mal aceptada polo sector gandeiro nestes momentos.