Esta mobilización que se convoca con ocasión da Constitución do Parlamento Europeo, ten como obxectivo seguir denunciando a situación de profunda crise que atravesan as produtoras e produtores de leite en Europa e tamén demandar das europarlamentarias e europarlamentarios que traballen para un cambio en profundidade da política leiteira europea que lle poña fin a esta crise e permita unha estabilidade para as explotacións.
Unha delegación das e dos manifestantes, da que formará parte Lidia Senra, entrevistarase con diferentes grupos parlamentarios para facerlle chegar as propostas que se están defendendo a nivel europeo. Entre elas unha redución da produción global europea que equipare a oferta á demanda, un prezo mínimo que cubra custes e remunere o traballo e unha redistribución da produción que permita a supervivencia do maior número posible de explotacións de leite na Unión Europea.