Novas

  • As sete propostas do Goberno galego para salvar o sector lácteo: máis endebedamento para as explotacións e máis cartos públicos para os bancos

    • 24,Xuñ 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Desde o SLG queremos denunciar as falsedades que de cara á opinión pública se verten en dito anuncio e manifestar a nosa indignación polos seguintes motivos:

    1º. Non hai nin un só euro dos 110 millóns anunciados que vaia a chegar en forma de axuda directa ás explotacións neste momento tan delicado, medida si habilitada en Asturias xa dende o mes de maio, cun importe de 7.500 euros/explotación, para dota-las dun mínimo de liquidez.

    2º. O diñeiro anunciado para o sector leiteiro, nunha parte importante, a quen vai a parar é aos bancos, xa que tanto a primeira liña, como a terceira, a cuarta, a quinta e a sétima obrigan ás gandeiras e gandeiros a tramitar préstamos, ben para facer investimentos ou ben para ter capital circulante: en definitiva, obrígannos a estar máis endebedas as explotacións cando xa na actualidade temos serios riscos de que nos embarguen por impago dos préstamos contraídos.

    Se non se soluciona o problema do prezo, como imos a pedir máis cartos que non podemos devolver? Como imos a facer máis investimentos para modernizar? Ou que banco nos vai deixar diñeiro, aínda que os intereses os paguen Medio Rural e mailo IGAPE, se o aval que podemos poñer son as nosas vacas, tractores, establos ou cotas?

    Medidas de vontade política, que non costan nin un só euro do erario público, e que son as que posibilitarían estabilidade ao sector ( nomeadamente a defensa do prezo mínimo para o leite) son as que desde o Goberno Galego e a CMR nin se insinúan, a pesares de terllo demandado desde o SLG ao propio Presidente Feijoo e ao Conselleiro en reiteradas ocasións e reunións nos 63 días que levan ao frente do seu cargo.

    O Partido Popular, que sustenta o Goberno Galego, apoiou o 29 de Abril no Parlamento do Estado, xunto coa totalidade dos grupos da Cámara Baixa, unha resolución na que se insta ao goberno a, entre outros: defender no seo da U.E. o impulso de normativas destinadas a mellorar a regulación do prezo do leite, de xeito que se teñan en conta os costes de producción.

    Por que o Sr. Feijoo non reclama diante do Ministerio que se cumpra o acordado coa aprobación do seu propio partido?.

    Por qué non lidera a loita pola defensa dun prezo mínimo para o leite nas explotacións galegas?

     Desde o SINDICATO LABREGO GALEGO queremos manifestar, así mesmo, que diante de tales anuncios vanse a seguir atopando, tanto o Goberno Galego como o do Estado, coa resposta e a denuncia pública do sector lácteo deste país e dunha parte importante da cidadanía, diante de semellantes irresponsabilidades que poñen ao borde do precipicio ás explotacións e ao tecido económico que delas depende directa ou indirectamente.

    ARQUIVO ADXUNTO:Texto do diario de sesións do Parlamento (290409), resolución 173/000060, punto 3.