Dende a máis fonda sinceridade, transmitir a grandísima importancia que para nós, produtoras e produtores de leite, e para as labregas e labregos en xeral, ten o feito de sentir o apoio da sociedade civil ás nosas reivindicacións, arroupamento expresado con numerosas mostras de apoio, amosando a clara comprensión que teñen da problemática que afecta ao sector, así como da importancia de accedermos, coma consumidores e consumidoras, ao leite producido coas garantías de calidade que gostamos de aportar as explotacións deste País.
Asemade, agradecer as iniciativas de apoio de multitude de organizacións sociais, despregando faixas ao percorrido dos tractores, ideando ferramentas visibilizadoras coma a “tractorada virtual” secundada por máis dun cento de organizacións e ideada pola Rede Anticapitalista, enviando comunicacións de apoio, etc.
Dende o SLG queremos mencionar, dun xeito moi especial, o fundamental apoio achegado polas compañeiras e compañeiros traballadores/as de Pascual, que se están a manter moi preto de nós, amosándonos o seu respaldo, ao igual que nós estamos cen por cen con eles e elas nas súas reivindicacións.
Por último, e non nos cansaremos de repetilo, grazas a todas as persoas que traballades nos medios de comunicación, que ao igual que o sector mobilizado en sete vilas e cidades da Galiza, amencíchedes hoxe coa pel queimada polo sol logo de facer o seguimento das nosas reivindicacións ao longo de moitas horas.
A loita continúa, as gandeiras e gandeiros coordinados dentro do Sindicato Labrego Galego non parará até conseguir que os gobernos galego, español e europeo asuman a responsabilidade de loitar políticamente pola consecución dun prezo xusto para o leite, xa que temos como obxectivo acadar unha renda que nos permita vivir do noso traballo.
Videos das tractoradas:
Imaxes das tractoradas:
– dende Ordes a Santiago de Compostela
– tractoradas de Lugo, A Mariña e Chantada
– tractorada dende Urdilde (Rois) ata Salgueiriños
– tractorada de Ferrol e A Coruña