Novas

  • A grave situación do sector leiteiro, visibilizada polo SLG na Feira Internacional Semana Verde de Galiza

    A grave situación do sector leiteiro, visibilizada polo SLG na Feira Internacional Semana Verde de Galiza

    • 11,Xuñ 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Unha delegación de gandeiras e gandeiros do Sindicato Labrego Galego acudiron á inauguración da Semana Verde de Galiza para informar á cidadanía da tractorada que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño, denunciando diante das autoridades alí presentes a grave situación pola que está a atravesar o sector lácteo como consecuencia da falta da fixación dun prezo mínimo para o leite que cubra os custos de produción e traballo ás explotacións.

     

    No seu discurso de apertura, o señor Feijoo falou de “austeridade” e de “futuro do sector agrogandeiro” deste País. Pois ben, non son medidas “que custen cartos” as que reclamamos dende o SLG.

     

    Así llo fixo saber a responsábel do sector leiteiro, Lupe Prado, mediante a entrega en man das demandas das que se estaba a informar no exterior: apostas políticas para defender que o noso traballo ten que ter un prezo e que ten que haber unha paralización da política da inundación de leite no noso mercado, que incrementa as perdas das explotacións leiteiras da Galiza e que o goberno galego segue promovendo, ao non haber vontade política para reclamar que se adopten acordos que acaben con esta situación de crise

     

    De pouco ou ningún futuro pode estar a falar o señor Feijoo co panorama de peche de explotacións que se aveciña se non se pon ao fronte, dunha vez por todas, da defensa do sector lácteo deste País.

     

    Estas son as reclamacións das que queremos dar conta coa tractorada convocada polo Sindicato Labrego Galego o vindeiro 17 de xuño ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vimianzo, Chantada, Lugo e Ribadeo.

     

    Información do SLG na Semana Verde de Silleda (2009)