No día de hoxe as explotacións da Mariña lucense, co apoio do Sindicato Labrego Galego, veñen de paralizar a recollida que Lácteos Lence realiza nesta comarca debido a que o empresario notificou esta mesma mañá a dúas explotacións -no mesmo momento en que estaban agardando pola recollida- que lle deixaba de recoller o leite debido “incidencias” provocadas pola discusión de prezo que estas dúas explotacións lle prantexaron ao inspector de devandita empresa, expoñéndolle e que non podían seguir soportando a actual situación de prezo.
Despois de varios intentos de negociación con Jesús Lence e o conselleiro Samuel Juárez, para que se resolvese esta chantaxe de maneira inmediata, os dous alegaron que se trataba dun problema “puntual”.
Que a estas alturas da situación no sector lácteo a Consellaría do Medio Rural e Lácteos Lence consideren “puntual” o problema do prezo do leite responde, máis que a unha perigosa igorancia, a unha gravísima falta de respecto para coas gandeiras e gandeiros deste País, que mesmo semella cuestionar a nosa capacidade de entender o funcionamento deste sector.
A cuestión do prezo é estrutural, non coiuntural-puntual, requerindo da modificación do plan de “aterraxe suave” aprobado para a PAC, sendo ademais imprescindíbel o deseño de leis que garantan un prezo mínimo para un produto de primeira necesidade como é o leite.
No mesmo ton ofensivo e insultante, o empresario Jesús Lence manifestou perante da problemática destas dúas explotacións, que se os gandeiros afectados lle piden perdón públicamente, estaría disposto a voltar a recollerlles o leite.
Perante desta nova agresión das industrias transformadoras aos produtores e produtoras de leite, o máximo responsábel da sector agrogandeiro da Galiza, o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, opina igualmente que esta nova suspensión de recollidas a explotación leiteiras é unha circunstancia particular entre estes gandeiros e lácteos Lence.
Que a estas alturas, logo de ter dito recentemente que “entende e comparte” a preocupación do sector, e mesmo afirmar publicamente que vai poñer solucións enriba da mesa para que as explotacións non se vexan abocadas a pechar, o señor conselleiro diga que a situación destas dúas expotacións, que o único que fixeron foi demandar poder vivir co prezo que polo seu leite lles paga Lence, é un problema puntual e particular, parécenos unha absoluta tomadura de pelo.
Por todo isto, a asamblea de gandeiros e gandeiras da comarca da Mariña lucense reunidos na tarde de hoxe, e tendo xa comunicación do apoio de gandeiras e gandeiros doutras comarcas, decidíu que mañá domingo vanse paralizar varias rutas de recollida de leite de lácteos Lence , para que tanto o conselleiro como o empresario “entendan” que imos facer fronte a estas chantaxes, e que actitudes e declaracións coma estas non nos deixan máis opción que retomar as mobilizacións no sector, xa que fica claro que non teñen intención de habilitar medidas para a recuperación do prezo.
