-En primeiro lugar, esta é unha nova proba do fracaso da política leiteira da UE, a que está a ser apoiada arestora polo Ministerio español, e que vén demostrar que soio beneficia ás grandes corporacións da distribución, ao tempo que destrúe explotacións e industrias, as “partes” do proceso máis importantes a nivel social e económico. Ademais, fica máis ca en evidencia o forte compoñente antisocial da política neoliberal de concentración da produción nunhas poucas grandes factorías levada a cabo pola UE.
-En segundo lugar confirma o fracaso da política aplicada polos gobernos galegos da pasada década, consistente en priorizar a implantación na Galiza de industrias foráneas, en troques de apoiar claramente o tecido industrial que había na Galiza naquel momento até convertelo en vangarda do sector industrial: Non houbo cartos para as nosas iniciativas industriais, mais si para a ubicación na Galiza de multinacionais e grandes empresas ás que pouco lles importa o noso sector lácteo aparte do seu propio beneficio.
A este respeito, cómpre salientar que están a ser as industrias que fan prácticas menos especulativas, como o feito de non envasar marcas brancas e que, polo tanto, non son as principais provocadoras da caida de prezos, as primeiras que a política neoliberal e especulativa da UE obriga a pechar.
Dende o SLG tamén queremos chamar fortemente a atención sobor do significado que o peche da factoría Pascual en Outeiro de Rei ten a nivel de postos de traballo directos perdidos, durísimo golpe para un pequeno concello rural baixo a situación de despoboamento en aumento, e perda de actividade económica, que estamos a sufrir en todo o rural galego.
Perante desta situación, o Sindicato Labrego promoverá unha reunión en réxime de autoconvocatoria de todas as institucións e axentes económicos e sociais implicados , para ver de adoptar unha postura común.
Asemade, xestionaremos a posibilidade de levar a cabo o unha entrevista con Tomás Pascual, responsábel da empresa.
De tódolos xeitos, despois deste desenlace proposto pola empresa Leite Pascual, o que agardamos dende o SLG, e coidamos que tamén dende a maioría do sector, é que dende a
Administración se adopten rapidamente medidas, principalmente garantindo que non quede ningún leite sen recoller ou sen pagar; e que este feito non represente unha nova razón para levar adiante novas baixadas de prezo.
Ademais, e xa que no seu momento se apostou de dende a Administración pola implantación na Galiza destas industrias, con fortes aportacións económicas á conta do erario público, instámolos a actuar dun xeito responsábel para coa cidadanía deste País, recuperando a factoría para ser empregada no sector e que sega a ser un centro importante de recollida e transformación.
Finalmente, o Sindicato Labrego Galego fai un novo chamamento ás administracións que deseñan as políticas agrarias, sexa dende Europa, o Estado ou Galiza: acepten xa o fracaso da estratexia seguida nos últimos tempos, muden xa o rumbo por outro que beneficie ao sector, á sociedade, en lugar das prácticas especulativas á medida das empresas e en contra das persoas baixc as que o sector leiteiro está a agonizar nestes momentos.